lunes, 16 de mayo de 2011

Galiza tamén quere Democracia Real Xa!

Milleiros de cidadáns e cidadás indignados saíron á rúa este quince de maio en 60 cidades de todo o Estado convocados pola plataforma Democracia Real Xa. Destes, máis de cinco mil só en Galiza (máis de mil en A Coruña e Santiago, e uns 3.000 en Vigo) conseguiron pór nome e voz á indignación causada por políticos, banqueiros e grandes empresas. Nesta altura, aínda resoarán os berros dos manifestantes acampados na Porta do Sol de Madrid, que non querían marchar onte ata o 22 de maio, e nas rúas galegas a raiba pero tamén o entusiasmo polo éxito acadado nas mobilizacións.

En 1930, Mahatma Gandhi emprende a Marcha do Sal. Ante a prohibición do Imperio Británico aos indios de fabricar o seu propio sal, elemento daquela imprescindible para a conservación dos alimentos, e polo tanto de primeira necesidade, o avogado, pensador e político nacionalista anima aos indios a seguir o seu exemplo e desobedecer pacificamente a inxusta lei, recollendo el mesmo auga salada e evaporándoa sen permiso. En poucos días, todo o país o imita, e máis de 60.000 ladróns de sal enchen os cárceres, mais o goberno recoñécese impotente para frear isto e acaba liberándoos a todos e aprobando este dereito. En 1955, Rosa Parks, unha humilde secretaria de raza negra, negouse a ceder o seu asento no autobús a un branco, en defensa dos seus dereitos. Este simple xesto de resistencia digna levou a todo un movemento de loita polos dereitos civís liderado por Luther King, que non parou até que conseguiu a victoria nos tribunais, e o recoñecemento do resto da sociedade. En 2011, un simple cidadán tunisiano, Mohamed Bouazizi, negouse a ceder á chantaxe duns policías que lle pedían diñeiro para poder exercer o seu dereito ao traballo. Ante as malleiras recibidas, e logo de sofrer ademais a humillación dunha funcionaria, decide prenderse lume ante aqueles que o “queimaban” día a día. A súa morte desencadeou toda unha onda de revoltas cidadás, que provocaron a fuxida última do seu presidente e a constitución dun novo goberno. Así pasou tamén en Exipto, e está a pasar en Libia e outros países do mundo árabe. Unha faísca ao mellor non alumeará nada, pero un regueiro e moitas faíscas pode facer estoupar a bomba dunha revolución, que é o que pasou. Así tamén en Arxentina coas Nais de Praza de Maio e os desaparecidos, en Sudáfrica con Nelson Mandela e o apartheid, en Stonewall coas comunidades homosexuais… Ou en Islandia recentemente, cos cidadáns que se negaron a pagar a débeda dos seus banqueiros.

Son todos estes casos en que apenas un xesto anónimo de resistencia individual, cívica e pacífica, conseguiu multiplicarse e xerar cambios profundos na sociedade. Non son válidos, polo tanto, os argumentos de quen quere descalificar a política e sobre todo a participación cidadá, facendo uso da apatía e a abulia xeralizadas, facendo crer que as cousas non poden cambiar, que non nos podemos liberar desta ditadura dos mercados na que só temos dereito a decidir a cor do partido que vai administrar a nosa exigua liberdade, dirixido á súa vez pola banca e as grandes empresas, ademais do FMI, Banco Mundial e Organización Mundial do Comercio.

Na Galiza, este espíritu cívico e rebelde, pacífico e responsable, tamén ten gañada xa a primeira partida, dunha serie de moitas que comezarán a partir de agora, a partir desta primeira cita multitudinaria, na que non só se acadou unha victoria nas cifras de asistencia, na cantidade, senón e sobre todo na cualidade. En Compostela, máis de mil cidadáns e cidadás indignados saíron á rúa, dende Porta Faxeira a Cervantes, entre estudantes de todas as idades, pais e nais de familia e mesmo xubilados. Ante as accións violentas duns contados encarapuchados que estaban a romper os cristais do local dun coñecido xornal, o groso da manifestación se separou e rexeitou a actitude dos violentos, que se escudaron valentemente na masa para perpetrar uns actos opostos totalmente á filosofía do movemento. Mais un episodio aillado non conseguiu empecer o carácter pacífico e festivo da mobilización. En A Coruña un milleiro de persoas enchía a Praza de María Pita, nun día particularmente bo e soleado. E en Vigo foron máis de tres mil os que superaron as súas indiferencias ideolóxicas ou a suposta apatía da sociedade actual, e desfilaron ante a Praza do Rei e o Concello para reclamar unha participación auténtica dos cidadáns de a pé na política. Tamén en Ferrol, Lugo e Ourense, aínda que con menor participación, tamén polo seu menor tamaño, conseguíronse derrubar tópicos. Nesta última cidade, os máis novos fixéronse co protagonismo na defensa dos seus dereitos, en particular estudantes de bacharelato menores de idade artellados a través da plataforma Estudantes sen Futuro. Eles mesmos se organizaron, fixeron os cartaces, encabezaron o percorrido e leron o manifesto diante do Concello, recordando que serán eles os máis prexudicados por unha situación insostenible, cando non quede futuro para eles. Moi importante é que sexan eles e elas os máis activos, e que estean en verdade concienciados do difícil presente, porque deles é o futuro. Moi especial e inesquecible foi o momento no que desfilaron por diante das carpas electorais dos distintos partidos, parando enfronte dos dous partidos maioritarios e adicándolles sonoros apoupos e cánticos como “PSOE, PP; a mesma merda é”, ou “Non, non, non! Á privatización!”, sen rexistrar ningún incidente, só expresando o seu descontento de forma contundente pero non violenta. Mesmo tiveron que aturar, como en Santiago, algún intento de rebentar a manifestación, ante as provocacións dalgúns poucos e a susceptibilidade doutros, que afortunadamente se salvaron sen problemas. Era unha mobilización que pedía deixar en casa as bandeiras, emblemas e reivindicacións de partidos políticos concretos, para salientar a unidade e o carácter apartidario do movemento. E así foi en liñas xerais, destacando en todo momento o grande civismo e coraxe dos mozos e mozas que lideraron a protesta.

Abofé que este será o xermolo de moitas máis mobilizacións. Era hora xa de que os mozos e mozas galegos, así como os do resto do Estado español, seguiran o ronsel de dignidade dos veciños europeos, que en Portugal (“geraçao á rasca”), Italia, Francia e Reino Unido, ademais de Islandia, Grecia e demais países, xa ergueran a súa voz diante dos abusos dos poderosos. Cómpre esixir a volta do poder ao Pobo, un novo modelo de sociedade realmente democrático, na nosa condición de cidadáns “indignados”, como fai notar o ex combatente da Segunda Guerra Mundial, vítima do fascimo e corredactor da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, Stéphane Hessel, na súa obra “Indignádevos!”, un auténtico “best seller” dos últimos tempos, que chama á conciencia civil, o compromiso ético e social, e a insurrección pacífica. Cómpre seguir indignándose e demandando democracia real xa.


Jorge M. de la Calle

4 comentarios:

  1. Hola muy buenas, mi proposción es ir vestidos con traje de chaqueta todos los de la manifestaciones q vayamos, con la idea de crear una imagen que alerte mas a la sociedad mas casera, la que no sale a la calle, para que todo el mundo tenga una idea más alarmante , aunque parezca mentira, pero es así, por el simple hecho de ir enchaquetados. Las connotaciones que reflejan miles de gente enchaquetada, es muy potente y es una pena, pero creo que la imagen de un policia pegandole a un empresario, que es lo que parecería, estallaría a la gente mas sedentaria.


    UN abrazo

    ResponderEliminar
  2. Cuales son las próximas acciones o dónde las podría ver?

    ResponderEliminar
  3. tedes que evitar que vos contaminen os das estrelas vermellas. estes apúntanse a un bombardeo con tal de sacar a pasear os seus estandartes. os partidos que están detrás deles, e que teñen como símbolo político esta bandeira, tamén son parte do problema e farán votarse para atrás a moitísima xente que non os traga, coma min. que se manifesten si queren, pero sin bandeiras. teño pensado ir a próxima manifestación que convoquedes, pero á primeira bandeira que vexa, eu voume.

    ResponderEliminar
  4. bonito concepto de "democracia real", quem precisa aos excluíntes que tentam isolar pessoas pola sua ideologia ou procedência? Isso tem um nome : é fascismo, o mesmo que leva a Gloria lago e os seus sequaces a afirmar "la primera palabra que oiga de gallego yo me marcho".

    ResponderEliminar